A Coruña, nas fotos de Francisco Pillado

Agradecemos a Ánxeles Penas o fermoso artigo que publica hoxe na prensa.

Con paixón e minuciosidade Pillado foi fotografando a Coruña da primeira metade de século XX, deixando un impagable documento e devolvéndonos unha poesía visual na que latexa unha doce saudade, case un místico e acougado silencio, sobre todo nas instantáneas nas que recolle as nevadas da praza das Bárbaras, da travesía da Zapateira ,da praza de Azcárraga ou da Mariña.

Deixámosvos aquí o enlace.

Aberta a exposición “Coruña, catro temas”

Xa temos aberta a exposición de fotos “Coruña, catro temas”, se vos interesan as imaxes de Coruña de mediados do pasado século vos animamos a que vos acheguedes á sala de exposicións do Concello en María Pita.

Pasaredes un bo rato coas fermosas e evocadoras imaxes que Francisco Pillado González captou coa súa cámara.

As fotos seguen un percorrido que empeza con imaxes da cidade, continúa con detalles enmarcados por elementos arquitectónicos, despois nos leva ao mundo do mar, motor e alma da nosa cidade dun pasado aínda moi presente, e remata coa xente, persoas coñecidas e descoñecidas que posan mirando á cámara con absoluta complicidade co fotógrafo.

Podedes visitala ata o 5 de marzo en horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 todos os días da semana.

Francisco Pillado

A obra de Francisco Pillado González contén principalmente fotografías da cidade da Coruña e das súas xentes, aínda que inclúe tamén escenas doutras cidades e vilas, como Betanzos ou o Madrid da posguerra, conformando un retrato costumista da súa época.

Francisco Pillado Fotografía